Proxecto chega da man da Fundación Cum Laude, que presiden Ángeles Rodríguez Baliño e Quintáns, un matrimonio de médicos que leva dende fai uns anos apoiando á cultura na cidade.
Sioli dalle cor con esmalte de unllas ás espiñas, azuis unhas e outras rosas. Nunha gran composición de catro paneis alude aos estereotipos de xénero, e noutras tenta sinalar que as mulleres son diversas mais teñen un teito de cristal, e suxire o mundo vulnerable de moitas delas co cristal como base. Mais o lene da expresión abunda en demasía na estética decorativa. Coa natureza na base, conta unha historia, que ben sendo o elemento primordial da exposición, mais é o relato a metanarrativa que lle da sentido. Así está a ser en moitas das artes na actualidade, temendo ao elaborar os contidos que de non facelo os espectadores se confundan. Mais cáese no entretemento, xa que logo o principio da arte ten que provocar un esforzo no espectador, pois do contrario, como escribiu Gonçalo M. Tavares, sería ‘música para durmir’. Dun lado do andar alto do edificio municipal da rúa Lepanto, que cos inferiores están a ser meros espazos expositivos malia a súa denominación conceptual de museo sostida no tempo, desprégase esta mostra monotemática e uniforme con rosas nos sucesivos debuxos a grafito e pastel.
Do outro hai unha elaborada variedade. Engádese aquí unha proxección en bucle que lembra como a Fundación e Sioli tíñanse xuntado a finais do pasado ano para instalar no chamado ‘Bosque del Recuerdo’ a escultura ‘No’ ao carón do encoro de Cachamuíña (Pereiro de Aguiar), un pétalo dunha rosa de grandes dimensiones, en ferro lacado en vermello, con aquela inscrición inserida… E malia que a artista e os da Cum Laude, non se decataran que na lingua da terra é ‘Non’, acaído palíndromo no multisecular idioma do Antigo Reino de Galicia, trátase dunha vistosa proposta. A obra formou parte da Bienal ‘Miradas de Mujer 2018’.